Friday 10 de May de 2024

Neda abre ata este xoves o prazo de inscrición na Senda das Ánimas, aposta central do seu samaín


As persoas que queiran participar terán que anotarse chamando ao teléfono 981390233

O Concello abre ata o próximo xoves, 26 de outubro, o prazo para inscribirse na Senda das Ánimas, a proposta estrela da celebración do samaín en Neda. A terrorífico percorrido polo casco histórico da vila terá lugar o sábado ao atardecer e, como en edicións anteriores, espérase a chegada de participantes de toda a comarca.

As celebracións do samaín en Ferrolterra teñen na Senda das Ánimas, un singular itinerario pola rúa Real de Neda, acompañado da narración de historias terroríficas e cheo de sorpresas, unha das súas citas imprescindibles. De feito, nas últimas edicións participaron varios centos de persoas.
Por iso, e co obxectivo de organizar grupos para desfrutar do percorrido, o Concello inicia hoxe mesmo a inscrición telefónica, chamando ao número da biblioteca municipal de Neda (981390233). O horario é de 9 a 13 horas ou de 16 a 20 h.

A Senda das ánimas será só unha das propostas previstas no marco da programación especial do Magosto e samaín de Neda, prevista para o día 28 no núcleo urbano de Neda. As celebración arrancarán ás 18 horas, coa recepción dos participantes na contorna da Casa das palmeiras. Ás 19 horas, iniciarase o percorrido na procura de lambetadas dos máis pequenos e a Senda das Ánimas. E finalmente, á festa trasladarase ao Campo dos Subarreiros. Alí terá lugar un desfile de disfraces, no que se convida a participar coas típicas cabazas decoradas, e, como non, o magosto, coa tradicional degustación de castañas asadas e boliños preñados e a música de A Charanga da Carmiña.